Sunday 19 de May de 2024

O CIM de Boqueixón promove a campaña de concienciación ‘Malva contra a Violencia’ entre o comercio local


A Casa Consistorial tinguirase de malva a vindeira semana para conmemorar esta efeméride

O Centro de Información á Muller (CIM) boqueixanés vén de iniciar unha campaña de concienciación Malva contra a violencia entre o comercio local con motivo do 25-N. Así, repartirase cartelería e bolsas de compra entre os distintos establecementos comerciais dos municipios de Boqueixón, Touro e Vedra –integrados no CIM-, baixo o lema Neste local rexeitamos a violencia de xénero.

O alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, e persoal do CIM achegáronse hoxe a distintos comercios do municipio para facer entrega do material incluído nesta campaña que pretende “sensibilizar e concienciar á poboación en xeral dos tres concellos sobre a importancia de erradicar a violencia de xénero”. Nas bolsas poderase ler o lema do CIM de Boqueixón As mans para loitar, non para ferir. A fala para acariñar, non para anular.

Todos aqueles comercios, empresas ou negocios que desexen recibir este material divulgativo poderán solicitado chamando ao CIM de Boqueixón (981 513 061) ou no enderezo electrónico cim@boqueixon.com.

Dentro da programación especial con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (25-N), a Casa Consistorial de Boqueixón tinguirase a vindeira semana de malva en sinal de rexeitamento da violencia contra as mulleres. Deste xeito, “ratificamos a nosa repulsa contra contra a violencia á muller ao tempo que buscamos concienciar sobre a necesidade da implicación de toda a veciñanza nesta loita”, indica o rexedor boqueixanés.

Finalmente, o propio luns 25 de novembro procederase á inauguración da exposición BlasFemia, da moza Sara Pardo Lareo. Trátase dunha colección de sete instantáneas nas que pretende amosar os pecados capitais en torno á figura da muller na sociedade actual.

A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro 20 de decembro. Poderase ver en horario de 09.00 a 14.30 horas de luns a venres.

As actividades desenvolvidas polo CIM de Boqueixón con motivo do 25-N son posibles grazas ao apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad.